ARMAS DOS SOTO

A finais do século XVI podíase observar as armas dos SOTO tanto na capela da Visitación de Santa Isabel do mosteiro de San Francisco en Pontevedra como na igrexa de Millerada. Segundo o testamento do rexedor Juan Soto feito en 1586, as armas da súa liñaxe son cinco flores de lis e unha torre e unha árbore cunha venera.

Na igrexa de Millerada hai un escudo dos Soto, se ben non se ve a torre e no cuartel superior aparecen as armas do Santo Oficio. E no oratorio do pazo conservábase tamén un escudo en madeira, semellante ao da igrexa, que agora ten a actual propietaria na súa casa.

Escudo dos Soto. Hermosende
Escudo dos Soto. Hermosende

XENEALOXÍA DOS SOTO

Nos primeiros tempos os integrantes da familia aparecen co apelido SOTO que alterna con SOUTO, se ben ao parecer son descendentes de Álvaro Soutiño.

Nun preito da Real Audiencia (ARG 23745/58) dise que Francisco de Soto, que foi cura de Millerada aproximadamente desde 1569 ata 1609, era fillo de Álvaro Soutiño, reitor da parroquia de san Pedro de Erbo, moi preto de Lalín, o cal é moi posible xa que o seu irmán Juan Soto no seu testamento cita a seus irmáns, a seus sogros, a un tío chamado tamén Juan, enterrado en Herbo, e pai doutro Juan Souto rexedor en Ourense, pero curiosamente non cita a seus pais de forma específica. Por outro lado dito Francisco era curmán segundo de María SOUTIÑO, a muller do escribán de Castro Cavadoso don Francisco Ogando, a quen Francisco Soto acusou de asasinato de dita María.

Os fillos de Álvaro Soutiño foron polo menos:

  1. Juan Soto (que segue).
  2. Francisco de Soto, cura de Millerada. (a continuación)
  3. O cóengo Soutiño, que vivía en Padrón.
  4. Mecía Soto, que estaba casada con Gregorio Taboada, e que foi enterrada no adro da igrexa de Herbo (Lalín).

Juan Soto, rexedor de Pontevedra e comerciante, casou con María Rodríguez Alemparte1, filla de Pedro Rodríguez de Portas e de Inés de Montes2. Vivían en Pontevedra nunha casa da rúa do Rego.

O matrimonio fixo testamento o 24 de xullo de 1586 ante Bartolomé García. Nel Juan pide ser enterrado na capela da Visitación a Sta. Sabela da igrexa de san Francisco en Pontevedra, onde estaba o seu escudo coas insignias e no escudo as letras “SOTO”. Fixeron vínculo e morgado de terzo e quinto os seus bens e agregándoos ao padroado da capela da Visitación. Os seus bens consistían en casas, terras e rendas na zona de Lalín (nos lugares de Herbo, Goiáns, Vilariño, Vermes, Ventosa, Noceda, Sello, Donrramiro e Cortegada), na de Pontevedra (Tenorio, Bora, Mourente, Marcón, Quintáns, Xustáns, Vilarchán, Aguasantas, Arcade, Pontesampaio, Vilaboa, Tomeza, Lourizán, Poio, Lerez, Xeve, Curro, Romai, Meis e Campañó) ademais de casas na cidade de Pontevedra e dúas casas con bodegas e viñas en Vea no Ribeiro de Avia, dúas casas en Padrón e outra en Pontecesures, ademais de outros bens mobles e raíces, pezas de ouro e prata, etc. Deixaron o morgado a seu fillo varón Francisco de Soto (ARG 3661/35.1822/4).

Juan morreu o 3 de setembro de 1604. Foron seus fillos:

  1. Francisco Soto, cura de Berducido, e sucesor do seu tío Francisco Soto 1º cura de Millerada (do que se falará despois).
  2. María de Soto. Casada e nai de Antonio Domínguez.
  3. Inés Montes, que cun dote de 1.100 ducados ademais de roupas, enxoval e diversas rendas casou primeiro co rexedor Melchor Domínguez de Corneda3, fillo de Diego Domínguez Gasallado e de María de Corneda (filla esta de Álvaro Suárez Sarmiento, e de María Fernández de Corneda), de quen tivo a:
    • Ana Corneda, que casou o 26 de agosto de 1614 con Francisco Bermúdez de Castro Arias e Aldao4, e tiveron por fillos a Benito, Inés e a Antonio Bermúdez de Castro Arias e Aldao, quen casou con María de Andrade Faxardo e Castro, que foron os pais de Juan Antonio Bermúdez Faxardo Aldao e Soto e Andrade, dono da casa e fortaleza de Gondar, torre e solar de Silán, das xurisdicións de Xeve, Berducido, e veciño de San Pantaleón das Viñas. Juan Antonio en 1690 reclamou a herdanza da súa bisavoa Inés ao morrer seus fillos Juan e Jerónimo de Lis sen descendencia.
    • María de Corneda, que casou o 8 de agosto de 1617 con Pedro Fernández de Deza, fillo de María Fernández. En 1642 estaba viúva. Foi herdeira do seu irmán Antonio.
    • Antonio Domínguez. Participa nun preito do seu tío Francisco Soto, cura de Berducido.

Logo o 24 de novembro de 1598 Inés Montes casou con Alonso de Lis, nacido en 1570, señor do coto de Simes, e de viúvo reitor de Santa Baia de Nantes e primeiro sucesor no vínculo feito o 8 de maio de 1605 ante Rodrigo Bugarin, escribán de Pontevedra, por Juan Xiraldes Escudero, veciño de Meaño e dono de bens en Simes, Lores e Armenteira. Tiveron por fillos a Juan e a Jerónimo, polo que Inés o 20 de novembro de 1598 fixo vínculo e mellora de terzo e quinto no seu fillo Juan e sucesores, e de non ter, en Jerónimo e logo nas súas fillas, a quen lles deixa como dote as rendas de dous anos de todos os seus bens. Como Juan, que foi alcalde ordinario de Pontevedra, morreu solteiro, a herdanza pasou a seu irmán Jerónimo.

Jerónimo, que era avogado da Real Audiencia, pretendeu casarse coa súa prima María Bermúdez de la Maza e Castro, e este fracaso pode explicar en parte a súa negativa a deixar como herdeiros aos “Bérmudez de Castro”, como a continuación veremos. Vivindo en Simes tivo unha relación con Inés Noble de Angne, filla de Juan Noble de Angne e de Marta de Qayan, veciños de Redondela, e sendo os dous solteiros tiveron sobre 1650 a Jerónimo Alonso de Lis que foi bautizado na parroquia veciña de San Miguel de Lores, sendo o seu padriño Francisco Gómez, clérigo e veciño de Lores. E como nese momento andaba ocupado co preito de despoxo do coto de Simes -que perdeu sobre 1662 en Valladolid ante o abade de Poio- Inés corrida y avergonzada por haber perdido su flor, con ánimo de ir a sus bienes y casarse, se marchó y se casó. Jerónimo entón levou a seu fillo á casa de Catalina Gómez de Vilariño para que o criase. Logo deulle estudios desde 1673 a 1677 no Colexio de Fonseca en Santiago. Jerónimo Alonso chegou a fiscal eclesiástico do arcebispado e cura de san Miguel de Arca e logo de San Xoán de Meaño. Precisamente sendo cura en Arca tivo dous fillos de Francisca Gómez, a Benito de Lis e a Juana (1680-) (ARG 3561/35).

Como Jerónimo de Lis -que herdou a cuarta parte dos bens de Francisco Soto, cura de Berducido, o vínculo fundado tanto polos seus avós paternos como maternos e ademais o vínculo de Juan Giráldez- recoñeceu como fillo Jerónimo Alonso e como netos a Benito e a Juana, gañou a inimizade de Juan Antonio Bermúdez de Castro, neto da súa irmá Ana Corneda, xa que dese modo perdía esta enorme herdanza. De feito, chegou a denunciar a Jerónimo Alonso e a súa criada de vivir en pecado de continencia e amancebamento polo que foron presos incluído o propio Jerónimo de Lis como encubridor, pois vivía na súa casa. Jerónimo que vivía en Meaño e era cura de Arca fixo testamento a favor do seu fillo pero trala súa morte fixo escritura de vínculo e morgado o 24 de maio de 1687 en que detalla os seus bens e nomea como herdeiro en primeiro lugar a seu neto Benito, se ben con certas condicións a seus herdeiros: que deben ser polo menos bacharel en Xurisprudencia (polo que deixa a súa biblioteca bastante práctica para la Facultad e cuxos libros detalla) e que non sexa clérigo nin persoa que non se poida casar para poder tener descendientes. Morreu o 12 de setembro de 1690, pero antes fixo varios codicilos precisando algúns detalles, como ser enterrado en Meaño, onde se conserva o “pazo de Lis”, ou que nunca pueda sucederle en ningún tempo persona que no sea de la línea de mi padre (en contra das pretensións de Juan Antonio Bermúdez de Castro. A pesar de todo, este preiteou a causa da herdanza contra Benito de Lis, que casou con Isabel de Fonseca.

Francisco de Soto (1º), que era o párroco de Millerada aproximadamente desde 1569 ata 1609 e foi quen fixo foro das terras e casas de Hermosende.

Sobre o ano 1575 houbo un período de fame que Francisco Soto e o seu irmán Juan aproveitaron para trocar a cambio de trigo e sal os dereitos do padroado do beneficio da parroquia de Millerada, que pertencía aos irmáns Gosende, -fillos de Juan Gosende e María Quinteiro os fundadores do pazo de Raposeiras en Cerdedo- De aí que poucos anos despois, sobre 1583, fixeron pola súa conta unhas reparacións na igrexa parroquial con ánimo de ser recoñecidos como os patróns e aproveitaron para pintar as súas armas no coro e na capela da igrexa parroquial. Ademais trouxeron a un pintor de Pontevedra chamado Francisco Fernández que fixo sobre a parede da capela uns retratos de Juan e de Francisco ao lado dos catro evanxelistas. Tales retratos foron borrados en 1609 polo novo cura de Millerada Alonso Espiña quen dicía que eles non eran os patróns, o que orixinou un preito. De feito Alonso Espiña non fora presentado polos Soto, senón polos Gosende (ARG 23745/58).

En 1592 (ARG. 15753/74) tivo un preito xunto con Esteban de Souto e Pedro Rodríguez contra o escribán de Castro Cavadoso pero veciño de Pazos de Arenteiro don Francisco Ogando, que estaba casado con María García, filla de Bartolomeu e Isabel Soutiño, curmá-segunda do clérigo, e que aportara un dote moi importante así como a herdanza paterna. En efecto, Francisco Soto dicía que María lle deixara como herdeiro publicamente na igrexa de Pazos de Arenteiro e acusou ao escribán de ter maltratado a María a súa muller e mesmo quizais de causarlle a morte, por non terlle dado fillos e porque se amancebara con Antonia da Raña coa que pouco despois de ter quedado viúvo casou. Por certo, neste preito acúsase ao clérigo Francisco de Soto de especular co trigo.

O mosteiro de Acibeiro aforou os lugares e casares de Trigás (Vilatuxe), de Couciña e Casamoura (Doade) e outros o 1 de decembro de 1598 a Francisco de Soto, comisario da Inquisición e reitor da freguesía de Millerada, tomando posesión o 1 de maio de 1599 ante o escribán do xulgado de Soutelo de Montes don Benito Ogando.

Francisco Soto seguiu ampliando os seus dominios.

El monasterio había ho foro a Pedro Pardo, vecino de Millerada, y a Maria de Deza su hija, del lugar de Hermosende, sito en Millerada, con sus casas y heredades y a lo el anejo e perteneciente y con el molino que está en el río Hermosende y por renta y canon y pensión en cada un año de tres anegas de pan de centeno medido por la medida derecha de avila y un par de gallinas de campo y con otras condiciones contenidas en la dicha escritura de fuero que pasó ante Pedro Gulias escribano.

(A.R.G. 1430/22)

Despois Pedro Pardo e a súa filla dimitiron e traspasaron o dereito de dito lugar e foro en Francisco de Soto co cargo da dita renda e pensión e condicións do dito foro e fíxose la dimitición y traspasación (sic) ante Gregorio Ferrón, escribán. Tamén fixo foro doutros moitos bens en Hedreira (Millerada), Freixiño (Forcarei), en Cornias e Vilariño (Duasigrexas), en Vilatuxe, etc. Foi o fundador e patrón da capela dos Remedios, en 1606, anexa á igrexa parroquial, que foi panteón familiar.

Mediante testamento feito ante Pedro Gulías (ARG.20645/72), deixou como herdeiro universal a seu sobriño Francisco de Soto, cura de Berducido, en segundo lugar aos fillos do seu “sobriño” Cristóbal, que entón tiña vinte anos, ou ao parente máis próximo. Morreu posiblemente a primeiros de agosto de 1609.

Francisco de Soto (2º), reitor de Berducido, era fillo do rexedor de Pontevedra Juan Soto e de María Rodríguez Alemparte. Tomou posesión da herdanza do seu tío Francisco en Acibeiro o 10 de agosto de 1609 (ARG.24298/23), cuxos bens continuou ampliando (ARG 16628/55).

Ademais do preito por ter borrado os retratos que había na igrexa de Millerada en 1609 contra o novo cura de Millerada Alonso Espiña, tivo outro con el por querer quedarse cunha casa (ARG 17478/9), que motivou outro en 1617 (ARG 20645/71) contra o xuíz por ter quitado o preito do arcebispado, alegando que Alonso Espiña tiña unha célula real para entrar na casa que construíra Francisco Soto e na que vivía. O cura de Berducido dicía que non se trataba da mesma casa, e que Alonso Espiña entrara e levara moitos bens da súa propiedade.

En 1632 solicitou xunto coa súa irmá María facer as partillas dos bens dos seus pais, pero ao morrer o procurador, o seu sucesor vendeu unha casa que tiñan en Pontevedra para cobrar os seus honorarios, polo que entón denunciárono por terse excedido nas súas atribucións.

Francisco fixo testamento o 14 de xullo de 1640, onde deixaba como principais herdeiros a seus catro sobriños, Ana de Corneda, María de Corneda, a Juan de Lis e a Jerónimo de Lis para que herdaran por igual a herdanza recibida dos seus avós paternos e a da súa nai, unhas 140 propiedades incluídas o padroado da capela da Visitación a Santa Sabela, en Pontevedra, e a dos Remedios en Millerada. Fíxose o reparto en 1645.

Francisco de Soto (3º). Trala morte de Francisco Soto, cura de Berducido, a herdanza que recibira do seu tío o cura de Millerada debía pasar, segundo testamento deste, aos fillos lexítimos do seu sobriño Cristóbal e, de non habelos, ao parente máis próximo.

Cristóbal Soto Taboada, ao parecer orfo, foi criado polo seu tío Juan Souto, rexedor de Pontevedra, dándolle estudios e propiedades, pero logo vive en Hermosende. Trala morte do cura de Berducido iniciouse un preito entre Cristóbal Soto, como pai do seu fillo Francisco de Soto (3º), e Juan Soto Soutomaior, fillo o de Juan López de Soutomaior e de Magdalena Soto, veciños de Berducido e parentes do defunto. Juan acusaba a Critóbal de ser fillo espurio do cura Francisco Soto o vello, e de que Francisco de Soto (3º) non era seu fillo senón de Blas Magán, que morreu deixando á viúva preñada de catro meses, ao que respondeu que el era sobriño do cura, pois era fillo de Juana de Amorín, casada agora con Fernán Bértolo –curiosamente, para rebatelo di quen era a súa nai, pero cala o nome do pai-, e que seu fillo Francisco naceu de Francisca Míguez, que estivo casada once anos sen descendencia, e que ao quedar viúva el lle ofreceu matrimonio e casaron catro meses despois de quedar viúva, e que tivo o fillo aos sete meses de terse casado, polo que o fillo era seu e era lexítimo. Juan López pide pois as certificacións de defunción de Blas e do matrimonio de Cristóbal, pero lamentablemente non aparecen no preito. (ARG 13450/7)

E é en 1677 tras a morte deste Francisco Soto (3º), clérigo, cando se plantexa un preito (ARG 1439/22), xa que moitos bens do mosteiro de Acibeiro se aforaran por tres voces, e tanto na familia Campos como na de Soto sucederan as tres voces, e polo tanto o Mosteiro pretendía recuperar ditos bens, ao que se opoñen a viúva de Sebastián Márquez Catalina Soto, -sen dúbida irmá deste clérigo Francisco Soto- e seu fillo Francisco de Soto Márquez. Estes eran donos en Hermosende con sus casas y heredades y más anejo y perteneciente, en que vive la dicha Catalina de Sotto y Francisco Soto su hijo, y Esteban Bértolo, con su territorio de la aira, que está cerrado sobre si y linda con las casas en que vive dicha Catalina de Soto y dicho su hijo que llevará fanega y media de pan de sembradura; más la heredad de Baliño que llevará…

O resultado vese no Tumbo de Acibeiro, que está no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPP), a propósito dun foro en Hedreira (Fixó), que di:

los cuatro ferrados paga Francisco Soto en el monasterio, de que está nombrado 1ª voz, y otro ferrado de centeno y otro de millo se paga en Sotelo. Nombrose en 2ª voz Francisco de Soto clérigo hijo de Francisco Soto. Hízose foro nuevo año 1678 a Catalina de Soto con el lugar de Hermosende

Catalina Soto, que se casara con Sebastián Márquez, morreu viúva en Millerada o 20 de xaneiro de 1702, sendo enterrada na capela de Nª Srª. dos Remedios con licenza do patrón. Tiveron polo menos un fillo:

Francisco de Soto, que casou con Josefa (Vázquez) Cortés. Ela morreu o 23 de xaneiro de 1719 e Francisco o 3 de decembro de 1720. Tiveron nove fillos:

  1. Inés de Soto e Cortés, que casou o 8 de xaneiro de 1698 con Francisco Cachafeiro Pichel. Con descendencia.
  2. María de Soto e Cortés, que casou o 8 de xaneiro de 1698 con Domingo Cachafeiro Pichel.
  3. Josefa Soto Cortes, que naceu o 19 de xullo de 1688 e morreu o 18 de febreiro de 1705.
  4. Catalina de Soto e Cortés, que casou o 11 de febreiro de 1706 con Juan Vázquez Edreira, fillo de Vicente e Josefa, oficiando o cura Cristóbal de Soto, vicecura de Pardesoa, e sendo testemuña o escribán Antonio Varela Recemil. Catarina fixo testamento e foi enterrada o 11 de abril de 1708 coa presenza de trece sacerdotes.
  5. Sebastián de Soto e Cortés que, ordenado cura en 1714, foi capelán da de Ánimas sita na parroquial de Santo Amedio de Millarada e logo párroco de Millerada. Foi el quen reuniu a maior parte das presentacións do beneficio de Millerada, que incorporou xunto cunhas cavaduras de viña en Pazos ao patronato de Nª. Sra. dos Remedios, e levantou en 1729, como consta no portal, a casa de Hermosende que lle custou máis de 26.000 reais. Tamén fixo a casa reitoral a cimentis gastando máis de 20.000 reais. Outorgou testamento o 5 de outubro de 1745 ante Alonso Varela e foi enterrado na capela do patrón o 22 de agosto de 1758 (AHPP). Deixou como herdeiro a seu irmán Alonso e como testamentario a seu sobriño cura de Forcarei Manuel Soto, facendo reconto dos bens ao día seguinte da súa morte ante o escribán José Arén.
  6. Alonso de Soto e Cortes (que segue)
  7. Antonio, fixo testamento ante o escribán Manuel Silva e morreu solteiro.
  8. Cristóbal, foi vice-cura de Pardesoa e cura de Millerada. Morreu o 30 de maio de 1744. Tivo tres fillos de Antonia Mouteira, veciña de Cerdedo: Micaela Soto, que casou o 11 de xuño de 1724 con Domingo Fernández Taboada, a Manuela Soto que viviu desde os tres anos na casa do seu pai e casou o 15 de xullo de 1720 con José Blanco Framiñán, e a Antonio Soto que casou en Sta. Mª Magdalena de Montes o 11 de agosto de 1741 con Jacinta Fernández das Penas, filla de Domingo e Dominga.

Alonso de Soto e Cortés

De solteiro, en 1718 tivo de María Márquez, veciña de Duasigrexas, un fillo chamado Manuel Soto, que se ordenou de cura en 1743 e foi párroco de Forcarei, e en 1725 outro chamado José, de Magdalena Canizo, solteira.

Casou con Josefa Gomez de Castro, filla do escribán Baltasar Gómez de Castro e da súa primeira muller, Teresa Jacinta Torrente Torres, donos do pazo de Xerliz5, e que foi dotada o 24 de xaneiro de 1727 ante Simón Rodríguez polo seu tío cura Juan Antonio, ao mesmo tempo que Alonso era dotado polo seu irmán cura Sebastián.

En 1753, segundo o Catastro do Marqués de Ensenada, era xuíz xa xurisdición de Montes, posto polo arcebispo.

Alonso morreu o 24 de decembro de 1758 e Josefa o 25 de marzo de 1773. Tiveron sete fillos:

  1. María Ignacia de Soto, nacida en Millerada o 21 de agosto de 1731, bautizada o 24 polo seu tío-avó Juan Antonio Gómez de Castro, cura de Olives e Pardemarín, sendo os padriños Antonio Gutiérrez del Río e Jacinta Gómez de Castro, veciños de san Miguel de Bendoiro (Lugo). Concertou esponsais o 9 de decembro de 1754 con Alonso Varela Recimil, e viviron en Vilar (Millerada). Tiveron por fillos a:
    • a) Teresa de Jesús Josefa Varela Soto, bautizada o 2 de xaneiro de 1764.
    • b) María Bernarda Varela Soto, bautizada o 5 de abril de 1766.
    • c) Francisco José Varela Soto, bautizado o 13 de maio de 1770.
    • d) María Teresa Varela Soto, bautizada o 3 de decembro de 1772.
  2. Mª Antonia, bautizada o 29 de marzo de 1734. Morreu o 27 de abril de 1777.
  3. Sebastián Francisco de Soto, que naceu o 8 de maio de 1737.(posiblemente morreu de neno xa que o seu seguinte irmán tamén se chama Sebastián)
  4. Sebastián de Soto, que naceu o 23 de decembro de 1738. Morreu o 22 de agosto de 1858 e foi enterrado na capela do patrón.
  5. Manuela Vicenta de Soto, que se bautizou o 26 de agosto de 1741.
  6. Francisco Antonio Ventura de Soto e Cortes (que segue)
  7. Sebastián Antonio Baltasar de Soto, que naceu o 25 de outubro de 1744.

Francisco Antonio Ventura de Soto e Cortes, que naceu o 17 de decembro de 1742, veciño de Hermosende, que casou o 11 de outubro de 1762, oficiando o seu irmán cura de Forcarei D. Manuel de Soto, con María Josefa Varela Vaamonde, filla de Alonso Varela Vaamonde6(Vilamayor - Garellas, 23/3/1774) e de Mª Ignacia Reigosa Castro, veciños de Garellas, neta por parte de pai -segundo unha árbore xenealóxica da familia7- de Domingo Varela Vaamonde e de Josefa de Pedre Luaces e Montenegro, de Santiago de Villamayor, bisneto de Fernando Varela de Aguiar e de María Vázquez Vaamonde, veciños de San Pedro de San Roman8, en Boente (A Coruña), e por parte materna de Alonso Reigosa Castro –a quen citamos xa varias veces ao falar dos Ogando- e de Josefa de Castro Andrade.

Mª Josefa era irmá do cura Matias Lorenzo, dono da casa e pazo de Garellas, que se ordenou cura en 1759 e foi párroco de Santiago de Pardesoa.

Francisco, xunto coa súa irmá María Ignacia, herdou de seu pai os bens de seu tío Sebastián, polo que o bispado e o novo cura de Millerada, Cayetano Cadaval, demandáronos (R.A.18985/58) para que pagasen os arranxos da reitoral, xa que como estivera vinte anos sen habitar –houbo un preito para cubrir a praza de cura-, estaba completamente deteriorada e votábase a culpa do deterioro a D. Sebastián. Recorreron e gañaron.

O 12 de xaneiro de 1778 acudiu ao enterro de Francisco Cadavid.

En 1780 (ARG.16628/55), fixo unha reclamación por un prorrateo de certa renda en San Martín de Cameixa (Orcellón), polo que se presentou copia do foro feito en 1614 por Francisco de Soto, cura de Berducido. Neste ano tamén tivo un preito (ARG.4259/43) contra diversos veciños de San Mamede de Libráns (Castro Cavadoso), Cardelle (San Miguel de Alvarellos), Acebedo, Fixó, Meabía e Santa María de Moreiras, pois puxéranse de acordo para non pagarlle as rendas. Ganou el.

María Josefa faleceu o 27 abril de 1809 en Portomarín na freguesía de Carballeda (Lugo) onde se refuxiara temerosa dos franceses que invadían o país e foi sepultada o 29 de abril de 1809 en Millerada. Precisamente ao día seguinte día 30 os franceses entraron por segunda vez na parroquia, roubando e queimando moitas casas, e matando a sete persoas da parroquia segundo atestou o cura Juan Soto.

Francisco fixo testamento e foi sepultado o 9 de maio de 1822 coa presenza de 40 sacerdotes. Tiveron por fillos:

  1. Antonio Alonso Bonifacio Soto Varela, bautizado o 14 de maio de 1763, sendo padriños Antonio Reigosa e Ignacia Soto. Ordenado como clérigo en 1779, foi cura de Millerada. Fixo testamento ante José Alvarez e foi sepultado na capela maior o 8 de decembre de 1820.
  2. María Manuela Soto Varela, bautizada o 24 de marzo de 1765. Casou o 25 de decembro de 1796 con Francisco Javier de Novoa Losada, fillo de Juan Mateo Novoa Losada e de Teresa Gómez, veciños de San Xoán de Reiriz da Veiga (Ourense)
  3. María Antonia Soto Varela, bautizada o 29 de marzo de 1765 sendo padrino Antonio Reigosa.
  4. Josefa de Jesús Soto Varela, bautizada o 16 de xaneiro de 1769, sendo padriño o seu tío cura Lourenzo Varela R.. Morreu solteira o 26 de xullo 1794.
  5. Alonso Soto Varela, (que segue)
  6. Cayetano Manuel, bautizado o 20 de abril de 1773, que ordenado cura en 1807 e logo foi párroco e arcipreste en Forcarei.
  7. Mª Benita Joaquina, bautizada o 26 de maio de 1775, sendo os padriños Alonso Varela e Ignacia Soto.
  8. Juan Manuel, bautizado o 26 de febreiro de 1778. Foi ordenado cura en 1811 e exerceu toda a súa vida en Millerada.
  9. Francisca Antonia, bautizada o 7 de novembro de 1780, sendo o padriño seu tío materno o sacerdote Lourenzo Varela Vaamonde.

Alonso de Soto Varela, bautizado o 16 de marzo de 1771 sendo padriños Antonio Reigosa e Ignacia de Soto.

Tivo unha filla de Isabel Vázquez Charlon, a filla menor de Manuel Vázquez Charlon e de Antonia Vázquez Reimóndez, que casaran o 27 de marzo de 1779 en San Miguel de Osmo (Cenlle); neta por liña paterna de Blas Vázquez Charlon e de Isabel Rodríguez, veciños de Meangos (Abegondo. A Coruña), e neta por liña materna de Diego Vázquez de Parada e de Benita Reimóndez, veciños de Osmo.

Destacou no levantamento contra os franceses. En abril-maio de 1809 tivo lugar un enfrontamento contra eles en Acibeiro, recordo de elo é a espada do inimigo que había no pazo de Hermosende e que foi roubada en 2003 xunto cun reloxo e as imaxes de san Antonio e san Francisco do oratorio.

Escudo dos Soto na igrexa de Millerada
Escudo dos Soto na igrexa de Millerada

Outorgou testamento o 11 de marzo de 1844 ante Ángel Camiña (AHP) no que di:

Declaro que antes de ahora y por Escriptura de que dio fees Don Francisco Araujo vecino de la Parroquia de Veade en el Partido del Ribero he reconocido por mi hija legitima a la Doña Joaquina Soto que tube y de mi procreo Doña Ysabel Chalrron del mismo Ribero, en el estado de soltera, la qual pasa de diez y ocho años tengo en mi compañia como tal, ala que por la citada Escriptura la instituhí por mi unica y universal heredera de todos mis vienes, dineros, y acciones; y que no fuesen de los pertenecientes al vinculo que poseo y disfruto como tal vinculero, en cuia Escriptura y su contenido me afirmo y ratifico.

Morreu Alonso o 11 de maio de 1844, sendo enterrado na capela de Millerada. Sucedeuno: Joaquina Soto Vázquez, bautizada en Vieite o 5 de xullo de 1809, casou en Millerada o 8 de xuño de 1844 con Manuel Ogando Toxo, fillo de Manuel Ogando Cortes e de Francisca Toxo Conde, veciños de San Salvador de Escuadro sendo testemuñas Juan Soto e María Ogando.

Joaquina Soto e Manuel Ogando.
Joaquina Soto e Manuel Ogando.

Na capela familiar da igrexa de Millerada consérvase o escudo dos Soto e debaixo unha inscrición, que di:

El altar de esta capilla se rectificó de escultura y pintura en el año1861 de orden de Dª Joaquina Soto por muerte de su padre D. Alonso, siendo patrona de ella y presentera in solidum del curato de Milerrada.

Manuel fixo testamento o 25 de maio de 1873 ante Benito Gamallo (AHPP), deixando a herdanza da súa irma Mª Josefa e a casa e granxa de Lebosende a repartir entre os fillos solteiros, pois Dolores xa estaba casada, e o resto a repartir en partes iguais. Morreu pouco despois. O 3 de novembro de 1877 Joaquina, xa viúva, da plenos poderes a seu fillo Francisco para administración da facenda. Os seus fillos foron:

  1. Dolores Juana María Ogando Soto, que naceu o 13 de maio de 1845 en Millerada, onde casou o 12 de abril de 1863 con Manuel Ramón Mª Leira Sánchez, nacido en Correáns o 22 de novembro de 1834. Tiveron nove fillos.9
  2. Gumersinda, nacida o 3 e bautizada o 4 de xuño de 1849, sendo os padriños o cura Juan Soto e Josefa Ogando, veciña de Escuadro.
  3. Francisco Ogando Soto, (que segue)
  4. Manuela Ogando Soto, bautizada o 27 de xullo de 1847. Viviu en Santiago.

Francisco Ogando Soto, que naceu na casa de Hermosende o 25 de abril de 1852, bautizado ao día seguinte. Consta que aos 25 anos estaba de médico en Forcarei e Cerdedo e máis tarde en Millerada.

Como médico redactou Apuntes para la formación de una geografía médica de España correspondiente al titular de Forcarey, onde informa sobre os costumes, remedios, media de vida, traxes típicos, etc. Así por exemplo di que se adoitaba beber viño e augardente, pero que grazas á súa calidade había pouca xente alcohólica.

Casou con Dolores Stolle Lamela, filla de Baltasar Stolle Freire, comerciante e da parroquia compostelá da parroquia de San Fiz de Solovio, onde morreu en 1890, e de Dores Lamela Barrios bautizada na parroquia da Corticela (Santiago). Dores tiña unha irmá que se chamaba Filomena Stolle Lamela, que casou con Carlos Rei Daviña e tiveron cinco fillos, dun deles é Alexandro Rei-Stolle Pedrosa, que foi xesuita e escritor baixo o pseudónimo de Adro Xavier.

Francisco morreu o 12 de maio de 1939 en Millerada na súa casa de Hermosende, onde tiveron por fillos a:

Fco. Ogando Stolle, a muller, nai e dous fillos:Francisco e José Luis
Francisco Ogando Stolle, a muller, nai e dous fillos: Francisco e José Luis
  1. Francisco Ogando Stolle, naceu en 1885 en Millerada, foi médico de Forcarei, e casou en San Miguel dos Agros en Santiago o 4 de marzo de 1910 con Dolores Soto Veiga, nacida en Padrón en 1888, filla de José Soto Suances e de Valentina Veiga Fernández. Dolores morreu o 5 de xullo de 1.940 e el 17 días despois. Descansa xunto a seu marido nunhas tumbas no cemiterio de Forcarei, que destacan por estar rodeadas dunhas cadeas, regalo do pobo de Forcarei por ter axudado el a construír ese cemiterio. Tiveron por fillos nacidos en Forcarei a:
    1. Francisco Ogando Soto, nacido o 18 de decembro de 1911, foi médico e militar. Casou con Rosa Martínez Losada e tiveron catro fillos: Francisco, Mª Elisa, Antonio e Rosa María Ogando Martínez, veciños de A Coruña. Morreu o 3 de Febreiro de 1.986.
    2. José Luis Ogando Soto, nacido o 13 de abril de 1915, emigrou e faleceu en Bos Aires. Casou con María Bértolo Fernández, natural de A Ponte, e tiveron a José Luis e a Purificación Dolores, esta con descendencia.
    3. Mª de los Dolores Teresa Ogando Soto, nacida o 30 de outubro de 1916, estivo casada co seu curmán Francisco Ogando Navia. Faleceu o 24 de Maio de 1993. Tiveron seis fillos: Jesús, Juan Manuel, Carlos, María Dolores, Luis e Roberto, veciños de Pontevedra.
    4. Mª del Carmen Inés Ogando Soto, nacida o 21 de xaneiro de 1919, casou con Enrique Gutiérrez Alonso. Faleceron en Madrid e foron sepultados en Ribadumia. Pais de Mª Carmen, Enrique, Juan José (falecido) e Fco. Javier.
    5. Manuel Ogando Soto, falecido como enfermeiro na guerra civil, está enterrado en Motril.
    6. Mª Concepción Valentina Ogando Soto, naceu o 5 de setembro de 1920 e casou o 7 de novembro de 1940 en Millerada con Joaquín Giménez Pérez, natural de Ourense e falecido o 6 de marzo de 1.983. Ela faleceu o 29 de maio de 2.002. Os seus fillos foron Mª Concepción, José Francisco (falecido) e Mari Cruz, veciños de A Coruña.
    7. Valentina Luisa Ogando Soto, nacida o 9 de marzo de 1922, casou con Juan Romero Fernández. Pais de Mª Isabel e Juan Francisco, veciños de Pontevedra.
    8. Antonio José Ogando Soto, nacido el 18 de xaneiro de 1924, foi o Practicante titular en Ribadumia. Casou con Herminia Iglesias e foron pais de Antonio Ogando Iglesias, veciño de Vigo.
  2. Manuel Ogando Stolle, párroco de Xeve falecido o 22 de maio de 1968.
  3. José Celso Ogando Stolle, naceu en Hermosende o 21 de maio de 1886. Foi ao instituto no curso 1899/1900. Escribiu a súa tese doutoral en 1919 co título Estudio sobre la forma como requisito del contrato. En 1931 foi promovido á categoría de maxistrado de entrada con destino en Sta. Cruz de Tenerife. En 1934 era xuíz de 1ª instancia en Almería. E en 1936 era maxistrado do tribunal superior en Madrid. Casou con Dolores Burillo, con sucesión. Foi executado en Teruel polo bando republicano durante a guerra. A súa esposa no seu sufraxio pagou en 1940 unha misión en Millerada, segundo atesta a cruz de mármore que hai na parede do altar maior.
  4. Dolores Ogando Stolle (que segue)
  5. Gumersinda Ogando Stolle, nacida en Hermosende o 15 de xuño de 1888, bautizouse dous días despois sendo seus padriños Antonio Porto e Gabriela Stolle, veciños de San Miguel de Moreira (A Estrada). Faleceu o 28 de abril de 1891.
  6. Joaquina Ogando Stolle, naceu en Hermosende o 1 de xaneiro de 1890. Profesou como relixiosa franciscana en Cuenca o 25 de xaneiro de 1921 co nome de Sor Magdalena del Niño Jesús.
  7. Carlos Ogando Stolle, nacido en Hermosende o 15 de novembro de 1890. Foi médico de Carnota. Casou o 8 de setembro de 1917 na capela do asilo de Caldas de Reis con Dª María Navia Pereira.
  8. Gumersinda Rita Ogando Stolle nacida en Hermosende o 20 de Marzo de 1893, residente no pazo de Hermosende, colaboradora do P. Crespo nas investigacións xenealóxicas da súa casa, así como do Tumbo de Acibeiro. Falecida solteira o 30 de decembro de 1974, con testamento realizado ante Jesús Suárez o día 24 de abril de 1.926 en Santiago, deixando a seu pai Francisco como usufrutuario da metade da herdanza e como herdeira á súa irmá Concepción.
  9. Mª Concepción Isabel Francisca Ogando Stolle, nacida en Hermosende o 1 de decembro de 1894, faleceu solteira o 22 de abril de 1942.
Francisco Ogando Soto coas fillas Dolores, Gumersinda e Concepción
Francisco Ogando Soto coas fillas Dolores, Gumersinda e Concepción

Dolores Ogando Stolle, nacida en Hermosende o 10 de maio de 1887, casou o 18 de setembro de 1924 con Domingo Enríquez Parrondo, do Carballiño. Unha filla deles chamada Mercedes Enriquez Ogando casou co tenente coronel Juan Manuel Sieiro Vilar, sendo os pais da actual propietaria do pazo.

NOTA DO AUTOR. Este artigo foi publicado nunha versión abreviada na revista METACIOS de Forcarei. Os datos están tomados na maior parte do Arquivo do Reino de Galicia (ARG), pero tamén do Arquivo Diocesano de Santiago, do Arquivo Histórico de Pontevedra (AHPP), Arquivo Histórico Nacional e algúns proporcionados pola familia. A actual propietaria do pazo conserva moitos documentos relativos ao pazo moi ben conservados, pero lamentablemente só puiden acceder a uns poucos.

  1. “Dª María Rodríguez de Alemparte y Sotomayor, pertenecía a la noble familia de Alemparte con Casa Solar en San Lorenzo de Fornelos de Montes, señorío concecido a Enrique de Alemparte por D. Alfonso XI, en 28 de agosto de la era de 1346, en Sevilla”. VÁZQUEZ CASÁIS, J. A., La heráldica en los enterramientos de las iglesias de Pontevedra. Ed. Serv Publ. Deputación Prov. de Pontevedra, 1998. [volver]
  2. É principalmente o preito ARG 3561/35 o que nos dá a maior parte da información sobre esta familia e sucesores. Outros preitos como 18224/4 poden complementar estes datos. [volver]
  3. Melchor recibiu unha herdanza en Mourente do clérigo Juan de Sanicolás que lla deixou en testamento con carga de dúas misas anuais perpetuamente, e que logo herdaron seus fillos, os cales disputaron por esa propiedade en 1642 cos seus medio-irmáns. [volver]
  4. Era descendente de Pero Arias de Aldao. Cfr. ODRIOZOLA,C.-RICO-AVELLO, Los Aldao, Bermúdez de Aldao y Bermúdez de Castro señores... en Anales en la Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía IX (2005-2006). Tamén ALVAREZ,G.-ACUÑA,C. “Capilla de la Misericordia de Viveiro-Lugo”, Boletín de Genealogía…nº 8 [volver]
  5. FERRO,L.-BÉRTOLO, J.M. Pazo de Xerliz y casa Badía en Guimarei. Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia, Boletín nº 10, 2011. [volver]
  6. Alonso Varela Vaamonde foi nomeado escribán e notario de S.M. polo rei Felipe o 10 de outubro de 1732. (Consérvase no pazo a escritura do nomeamento, asinada en Sevilla e co selo real). [volver]
  7. Ver apéndice. [volver]
  8. Pazo de Vilar de Ferreiros. [volver]
  9. FERRO, L.-BÉRTOLO, J.M. Los Leira en Correáns y Parada (A Estrada), en Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia, boletín nº 9, 2011, pág. 324 [volver]