A Coordinadora Galega pola Paz cando xa se ten perpetrado o inxustificable ataque contra do pobo iraquí, cando xa existen víctimas civís da bárbara e ilegal agresión norteamericana, do Reino Unido e de España, ó tempo que chamamos á cidadanía galega a seguir mobilizándose para parar esta guerra, considera urxente e necesaria a seguinte Declaración Institucional.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL


1º.- Reiteramos que resulta moralmente inadmisible e inxustificable atacar militarmente a un pobo que vén sendo castigado brutalmente desde 1.991 e co obxecto de invadir o seu territorio, apoderarse das súas riquezas, e impoñer un goberno títere que garanta os intereses económicos e estratéxicos dos EE.UU. na rexión.

2º.- Os traballos dos inspectores de Nacións Unidas estaban dando resultados positivos no desarme do réxime tiránico de Sadam Hussein, así o confirman os últimos informes presentados no Consello de Seguridade da ONU. Estes mesmos informes solicitaban a prolongación das inspeccións por espacio de varios meses para acadar o desarme total de Iraq. As armas calaron definitivamente esta posibilidade. Os gobernos agresores decidiron, unilateralmente, atacar cunha mortífera carga de morte e destrucción ó pobo iraquí manchando de sangue inocente as súas mans.

3º.- Esta guerra de agresión iniciada na madrugada do 20 de Marzo, desoe as xustas demandas de paz manifestadas inequivocamente pola cidadanía mundial en moi distintas ocasións, acocha a decisión da Administración Bush, de invadir militarmente Iraq sen o aval de Nacións Unidas. É, ademais, unha intervención, inxusta e inmoral, ilegal e ilexítima que pretende, en definitiva, consolidar o papel hexemónico e imperial dos EE.UU. no mundo, reconfigurar as relacións internacionais primando o uso da forza e da violencia preventiva fronte do dereito e a legalidade, dividindo e debilitando á Unión Europea, ninguneando ós organismos supranacionais e o sistema da ONU creado logo da IIGM precisamente para "... evitar ós nosos fillos o horror da guerra".

4º.- A participación militar española promovida polo PP, con tropas e uso militar das bases, non pode disfrazarse de axuda humanitaria, sigue completamente subordinada á política belicista de Bush, coa oposición da opinión maioritaria da cidadanía, e coloca ó goberno de José María Aznar e ó seu partido, non só á marxe da legalidade internacional, senón nunha situación de claro enfrontamento coa sociedade, de inequívoco illamento social. As súas apelacións á paz e á seguridade non teñen xa credibilidade algunha, son pura palabrería retórica, mostra dun cinismo sen límites.

5º.- O pobo iraquí, que soporta a tiranía de Sadam Hussein e enormes sufrimentos desde a pasada guerra do Golfo, está sendo hoxe a principal víctima inocente da invasión militar. As víctimas directas das bombas que caen en Bagdad, en Basora e noutras cidades, serán miles. A democracia, as liberdades e os dereitos humanos, o progreso, a xustiza, e o desenvolvemento -que tanto necesitan os iraquís- non poden impoñerse por medio das bombas, do asasinato, da violencia e do terror indiscriminados.

6º.- Esta invasión ameaza non só a paz mundial. Está a provocar xa enormes fracturas sociais e políticas, divisións profundas na UE, no mundo árabe e musulmán, entre os países non aliñados, no mundo das igrexas, e incrementará, sen dúbida, o odio e o resentimento antioccidentais, a inestabilidade nunha rexión especialmente fráxil e sensible, así como as opcións máis violentas e extremas, o fundamentalismo, porque, en definitiva, recollemos o que sementamos. Si impoñemos a violencia e o terror, a morte e a destrucción, fronte á legalidade e a xustiza, esa será a colleita que nos espera no futuro.

7º.- A cidadanía galega, a cidadanía mundial, as mulleres e os homes de ben, estamos en contra da guerra, opoñémonos a lexitimar co noso silencio un crime contra da humanidade, dicimos alto e claro, unha vez máis, non á guerra, non no noso nome, non máis sangue por petróleo, e queremos parar esta guerra o antes posible.

A paz non se fai preparando a guerra, a paz temos que construíla cada día, entre todos e todas, desde o respecto e a legalidade, abordando os conflictos con solucións diplomáticas e pacíficas, respectando os dereitos humanos, o dereito dos pobos á súa soberanía, a lei e o dereito internacional, pola paz mundial, non á guerra contra o pobo iraquí, non no noso nome, non co noso silencio...

Coordinadora Galega pola Paz
Adega, AS-PG, Asociación Chambo, Asociación de Mulleres Recandea, BNG, CAE, CAF, CIG, Coordinadora de Crentes Galegos, Coordinadora galega de ONGs para o Desenvolvemento, CC.OO, EU-IU, Federación Ecoloxista Galega, Fundación Araguaney, Fundación para a Igual-dade María Xosé Arcos, Galiza Nova, Grupo de Obxección Fiscal Galega, INTERED Galicia, INTERMON-OXFAN, Movemento Rural Cristián, Mulleres Cistiás Galegas, PsdeG - PSOE, Seminario Galego de Educación para a Paz, SLG-CC.LL, UGT, Unión de Estudiantes Árabes, UU.AA, Voluntariado Social Rogas, XX.CC, XX.SS.